Presentación: Linguas minoritarias e futuro de Europa

  • María Luz Suárez Castiñeira Cátedra de Estudos Galegos, Universidad de Deusto, España
  • Diego Rivadulla Costa Universidade da Coruña, España
Palabras clave: linguas minoritarias, dereitos lingüísticos, normalización lingüística, catalán, galego e éuscaro, linguas dixitais

Resumen

Con motivo da celebración do 30 aniversario da Cátedra de Estudos Galegos da Universidade de Deusto no presente curso académico 2021-2022, a revista Cuadernos Europeos de Deusto (CED) publica este número especial «Linguas minoritarias e futuro de Europa». O número inclúe oito artigos de destacados especialistas que reflexionan sobre a situación actual das denominadas linguas minoritarias no ámbito europeo e, en particular, sobre o presente e futuro do éuscaro, do catalán e especialmente do galego, como casos máis próximos, neste contexto. En consonancia co enfoque interdisciplinario da revista, acóllense contribucións desde diferentes ámbitos e perspectivas, atendendo ás dimensións social, legal ou política e ás propiamente lingüísticas e culturais. As diversas análises ofrecidas prestan atención concreta a cuestións como a lexislación lingüística, a normalización, os usos lingüísticos, nomeadamente os da xuventude, ou a importancia da dixitalización, entre outras.

Descargas

La descarga de datos todavía no está disponible.

Biografía del autor/a

María Luz Suárez Castiñeira, Cátedra de Estudos Galegos, Universidad de Deusto, España

Catedrática da Universidade de Deusto. Tras licenciarse en Filoloxía Inglesa e Alemá pola Universidade Libre de Bruselas, doutorouse en Literaturas Europeas Comparadas na Universidade do País Vasco (1992). Desde entón ten impartido docencia de grao e posgrao na Universidade de Deusto en Linguas Modernas, Linguas Modernas e Xestión, Relacións Internacionais, e o Máster Erasmus Mundus en Eurocultura. Ten realizado a súa investigación no ámbito da literatura comparada, primeiro, e máis tarde, a partir do ano 2003, no ámbito da integración europea, centrando o seu estudo particularmente na dimensión cultural do proceso de construción de Europa. Así mesmo, participou en varios proxectos europeos en torno ao diálogo inter- e transcultural, a construción da identidade europea e a dimensión do plurilingüismo e a súa relación co concepto de cidadanía europea. Entre outras responsabilidades, foi vicedecana da Facultade de Filosofía e Letras, directora do Instituto de Estudos Europeos e directora do Departamento de Relacións Internacionais e Humanidades. Actualmente participa activamente na edición e publicación da revista Cuadernos Europeos de Deusto, da que é directora adxunta. É directora da Cátedra de Estudos Galegos desde a súa fundación na Universidade de Deusto.

Diego Rivadulla Costa, Universidade da Coruña, España

Investigador posdoutoral (beneficiario das axudas competitivas da Xunta de Galicia) no Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega (ILLA) da Universidade da Coruña. Doutor en Estudos Literarios pola UDC con Mención Internacional e Premio Extraordinario, anteriormente foi contratado predoutoral no Departamento de Letras da mesma universidade e profesor lector de lingua e literatura galegas na Universidade de Deusto, onde se ocupou da actividade da Cátedra de Estudos Galegos desde outubro de 2020. Realizou estadías como investigador visitante na EHEHI Casa de Velázquez (École des hautes études hispaniques et ibériques) en Madrid, na Universidade de Aarhus (Dinamarca) e na Universidade de Lisboa. Os seus campos de investigación son os estudos literarios e culturais, con especial atención á literatura galega contemporánea, os estudos de memoria cultural e os estudos ibéricos. É autor de numerosas publicacións revisadas por pares en revistas e libros especializados, a maioría sobre o tema da memoria histórica e a representación da guerra civil e o franquismo na narrativa e o teatro galegos. Na actualidade participa nos proxectos financiados Recuperación do patrimonio teatral da Galiza 4 (1936-1973). Emigración, exilio e resistencia interior (Ministerio de Ciencia e Innovación, PID2020-115649RB-I00) da Universidade da Coruña e Memory Novels LAB: Laboratorio Digital de Novelas sobre Memoria Histórica Española (Generalitat Valenciana, GV/2021/183) da Universitat de València.

Publicado
2022-07-22
Cómo citar
Suárez Castiñeira, María Luz, y Diego Rivadulla Costa. 2022. «Presentación: Linguas Minoritarias E Futuro De Europa». Cuadernos Europeos De Deusto, n.º 04 (julio), 19-33. https://doi.org/10.18543/ced.2471.